domingo, 25 de abril de 2021

VISITA VIRTUAL DE RAMÓN D. VEIGA

 O venres 23 de abril, Día do Libro, tivemos o pracer de conversar con Ramón D. Veiga, o autor de dous libros que leron os rapaces e rapazas de 1º e 3º de primaria.

➤A primeira hora da mañá conectámonos con Ramón e co alumno David, que participou dende a súa casa, para falar do libro "Meigas fóra!"...


Ramón explicounos a orixe e inspiración dos seus contos...Algo tivo que ver a súa filla Violeta

Falounos do proceso de creación dos debuxos por parte do seu amigo e ilustrador Iván R...





Ramón compartiu con nós un vídeo resumo do seu libro Meigas fóra!...
Tamén contestou ás preguntas e curiosidades dos rapaces...
Falounos das tradicións entorno á noite de San Xoán e comentamos algunha que outra anécdota divertida.

David, dende a súa casa, tamén aportou a súa simpática tradición familiar de queimar roupa vella na luminaria.

Finalizou a primeira sesión con Ramón co compromiso, por parte dos rapaces de 3º, de facerlle un paraugas a Ramón interpretando os incríbles debuxos de Iván R...


➤ Na segunda sesión, Ramón atendeu aos nenos e nenas de 1º de primaria, que coa súa profe Emma, leron o seu conto titulado "A araña que lles tiña medo ás arañas"

Ramón contoulles como e por que empezara a escribir contos, en especial o conto da Araña... A araña vivía nun recuncho da habitación da súa filla Violeta, e acabou converténdose na protagonista do noso conto. 
Ensinoulles como elaborou o conto da araña co seu amigo Iván, o ilustrador...Canto traballo agóchase detrás dun conto! 
E animou a toda a rapazada a escribir e ilustrar un, amosou como exemplo o que Violeta elaborara cando era coma eles. 
Como nos encanta escribir e debuxar... Imonos poñer ao choio! 

MOITAS GRAZAS, RAMÓN! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario